Removendo Roma con Santiago

Se o Camiño fixo Europa, tamén o Camiño fainos europeos. Aínda que por estes lares algúns coñecen a miña Coruña polo Depor de hai uns anos, cando queres que a xente se sitúe, dislles que es de Santiago (de Compostela, porque pra moitos Santiago, a secas, e a capital de Chile), e ves que coa imaxinación e o recordo, xa chegaron a un lugar, entre soñado e localizado no vasto norte das Españas. Santiago fainos ter os galegos unha historia que nos acerca tamén a Roma.

Anxo Rodríguez -xa me gostaría coñecer o común e prolífico antecesor, orixe deste apelido que comparto con tantos- saudoume cordial e cómplice cando cheguei mollado da chuvia e suando pola carreira. Non hai coma perderse polos xardíns do estado máis pequeno do mundo pra darte conta de que as distancias aumentan gracias as curvas. Cambios e máis cambios nun Vaticano que volve a ser un outeiro o outro lado do río. Non queda máis que preguntar, presentarte e compartir as voltas con outros perdidos, pra o final, chegar tarde.

Que eu saiba, Anxo e mais eu éramos os dous únicos galegos, agás dos canónigos que chegaran esa mañá o dereitiño, dende a catedral de Santiago, coa cruz bordada no peito. Esa cruz de Santiago convértese nun “santo e sinal” de recoñecemento para os galegos polo mundo, incluso na escuridade dunha discoteca de Florencia. E son recordos do meu fillo Yago.

inauguracion imaxe virxe pilar e santiago xardins vaticanos

Falou o deán, D. Manuel Jesús, e volveu a chover. D. José Jaime, o reitor da igrexa de Santiago e Montserrat na cidade, volveu a asociar a presencia dun galego e a chuvia. Lugares comúns que non teñen conta da seca deste mes en Galiza. Pero sobre todo, gustoume escoitar nesta Roma do Ano Xubilar 2025, a visita de María o noso Iago ou Xacobe, xudeu amigo dun tal Xesús, que tivo folgos pra chegar o fin da terra falando dunha historia que cambiaría a historia do mundo. Pero antes diso, parecíalle o tal Iago, que nada do que facía tiña sentido nin daba froitos.

Hoxe, vexo o patrón de Galicia axeonllado os pes dunha muller. Ela é piar e columna, a que sostén, pra que as cousas pequenas poidan ser inicio das grandes e non morran no desánimo. Vexo ese recordo en cerámica no muro do bastión que limita os xardíns do Vaticano, e tamén eu, mollado de chuvia galega e pouco despois baixo a sombra dos pinos romanos, estou contento. Pensando que ela volve a visitarnos coma naquel ano 40 na beira do Ebro. Eu, dentro de pouco, baixarei ata o Tíber e xa levo na cacheira o propósito de compartir estes camiños de Galicia en Roma.

xardins vaticanos con anxo
Anxo, co que compartín etapa do noso camiño nos xardíns vaticanos.

Falo con Anxo, porque o camiño faise mellor en compañía, bastón e piar, e anímame a saír polas rúas desta cidade. Debaixo dos muros da Capela Sixtina, separámonos ata a próxima ocasión. Anxo vai cara a Biblioteca Vaticana e eu cara a saída chamada do Perugino. Teño a sensación de que xa somos da casa e non damos voltas. El si que sabe o que é descubrir as testemuñas, facer resoar as voces durmidas nas palabras, baixo sabanas de papel que rasca. Eu intentarei ver Roma coma a casa onde ir pra atopalas.