Letras, con corpo de liñas, colores ou formas, e ocasións que atopo, coma regalos e invitacións ao traballo, nos lugares desta cidade que me acolle.
Antes de nada penso que é necesario explicar a imaxe feita por Yago despois de que nacera a idea de ir recollendo testemuñas de galegos en Roma. E así empezo por min, polo apelido materno, paseando na noite a carón dos muros de Villa Albani. Unha lúa — gaivota levantábase sobre un pino e pareceu me un bo signo da miña vida de galego e romano. Logo, moito máis tarde, atopei un poema de Santiago Montobbio e dicía, xusto e mellor, o que eu tiña pensado. Atrévome a traducilo así:
“A LÚA TRAS A ÁRBORE NA NOITE.
A lúa que asoma. No azul
escurecido. Así o que espera e o que soña
e o que trema. O poema.”

Entendo que o nacemento destas frases, letras cun orden, pra que nos entendamos, é herdeiro de tantas intencións e sufrimentos, desexos e perdas. O inicio non é inocente. E este será un camiño que terá seguramente final. Gostaríame chegar a el, onde e cando sexa, camiñando, recorrendo a senda doutros coa forma miña. Doutros recibín todo, tamén a fala, e non en balde. Eu, o que podo facer, mentres vou, é deixar nas pedras e na auga, pouco a pouco, todo.
Malia que camiño porque quero, so falo ou escribo próximo os que encontro, pra ser recoñecido inocente por vivir, absolto. Pido perdón por non ser máis capaz.
No se puede nacer pero
se puede morir
inocentes.
(Misa Romana, Cristina Campos)
